O pasado 24 de xaneiro, a Real Academia de Farmacia de Galicia celebraba no antigo hospital de San Roque compostelán, a súa sede oficial, o inicio do curso 2024, e alí fixo entrega de varios premios que convoca anualmente a douta corporación. Un deles leva o nome de Perfecto Feijoo Poncet, un singular personaxe titular da botica da Peregrina, no centro de Pontevedra, a finais do século XIX e principios do XX. O parladoiro daquela botica —o profesor Díaz-Fierros dixit— foi moi renomeado. A el acudían escritores (Pardo Bazán, Peréz Galdós, Valle Inclán…), políticos (Montero Ríos), artistas, xornalistas e todo persoeiro que visitara Pontevedra. Aínda máis famoso era o loro que don Perfecto tiña, que anunciaba a chegada dos clientes, aos que saudaba con frases destemperadas, cando non insultantes. Chamado Ravachol (nome dun anarquista francés, temido polos seus atentados, guillotinado en xullo de 1892), o loro faleceu en xaneiro de 1913, e o seu enterro constituíu un acontecemento en Pontevedra que se segue rememorando todos os anos no Carnaval daquela cidade, en lugar do enterro da sardiña que cerra o Antroido noutros lugares de Galicia.

Fuente